Os habitantes das cidades, sempre ás presas dun lado para outro, sempre mirando cara adiante polas rúas, apenas temos tempo de mirar cara arriba e ver que cousas acontecen alá, nos ceos. Nin tempo nin espazo, porque nos estreitos anacos de ceo entre edificio e edificio apenas vislumbramos unha nube durante o día, algún puntiño brillante pola noite.
Pero en Vigo temos bastante sorte. Soamente con que paremos un pouco alí onde a falda do Castro deixa ver a ría, ou baixemos ata a ribeira, ou saiamos un pouco aos arredores da cidade, o horizonte amplíase, a iluminación nocturna descende, e podemos empezar a aprezar o espectáculo de movemento e luces que o ceo garda para nós. Espectáculos que a humanidade leva contemplando dende os seus albores e tratando de explicar. Primeiro dende a mitoloxía; despois, coa ciencia.
Nesta charla trataremos de facernos conscientes desas marabillas que o ceo, tanto de día como de noite, pon diante dos nosos ollos. E despois, intentaremos explicalas dende unha perspectiva científica, pero dun xeito moi práctico e accesible. Veremos que é unha constelación, o verdadeiro significado dos signos do Zodíaco, por que hai estacións, que é a «era de Acuario», por que dura máis o día en verán que en inverno, por que o ceo cambia de cor, cal é a explicación das fases da Lúa e se teñen ou non algo que ver coa súa «cara oculta»; se é certo que o Sol está máis preto en verán que en inverno… En resumo, todas esas cousas que veñen nos libros de primaria pero que, ainda que nos explicaron, en realidade nunca entendimos moi ben.