MILGRANDEIRA

Punica granatum

A milgrandeira é un arbusto caducifolio de ata 5 m, moi ramoso, que pode ter espiñas ou non. O tronco é retorto e a súa madeira é dura, de cortiza escamosa e de cor agrisada.
Ten follas de cor verde brillante, opostas, de 2 a 8 cm., relucentes e sen pelo. As flores son de cor escarlata e ábrense en xullo ou agosto. O froito é vermello dourado, redondo, de 5 a 8 cm., de polpa morada ou branca, doce-acedo e con sementes moi numerosas.
O nome do xénero púnica deriva dos fenicios, que foron difusores activos do seu cultivo, en parte por razóns de tipo relixioso. En Xava, está asociado a certos ritos que acompañan ao embarazo. En China, tense o costume de ofrecerlle unha granada aos recentemente casados como auspicio dunha descendencia numerosa (a cor vermella desta froita está considerada pola tradición chinesa unha cor que atrae á boa fortuna).

Habitat e Distribución

É orixinaria de África do norte, pero hoxe en día crece tanto en rexións mediterráneas como no Himalaia. Os bereberes son os que o introduciron o froito (a granada) en Europa e a cidade andaluza de Granada, fundada no século X, recibe o seu nome. Adáptase a calquera tipo de chan, desenvólvese en calquera terreo, pero os froitos máis abundantes dáos en terras ricas e de consistencia media.

Usos e Costumes

É unha árbore á que lle atribúen moitas virtudes, coñecidas xa polos exipcios e chineses desde o segundo milenio a. c. Utilizada como medicina, en gargarismos, alivia a tose e é eficaz en caso de febres, diarreas e cólicos. O froito consómese fresco e a polpa emprégase para facer bebidas refrescantes e picados. A pel do froito e a cortiza son ricas en taninos e utilízase para o curtido de pel, en Marrocos. Da pel e as flores obtéñense tinguiduras vermellas-rosadas.


Entradas