LIÑO DE NOVA ZELANDIA

Phormium tenax

É unha planta perenne, de lento crecemento. Non é propiamente un arbusto, pero polo seu porte pódese clasificar como tal.
As súas follas son parecidas a espadas (lanceoladas). Nacen dun punto común e dun rizoma, alcanzando os 3 m de longo; son de cor verde negrizo, aínda que as cultivadas varían desde o verde claro ao rosa e bronce. Os talos florais erectos saen do centro da planta e crecen ata os 5 m, proxectándose por encima da follaxe. Produce grandes cantidades de néctar que atrae a numerosos paxaros e insectos que se alimentan del.
É moi propenso ao ataque da cochinilla, que se instala na base da planta e acaba por matala.

Habitat e Distribución

Orixinaria de Nova Zelandia. Vive en calquera tipo de chan, resiste secas, enchentes, zonas próximas ao mar e xeadas. Adecuada para os bordos dos estanques é moi utilizada en xardinería, como planta ornamental.

Usos e Costumes

As fibras utilízanse para a fabricación de redes de pesca e liñas, gaiolas para paxaros, cordas, canastras, bolsos, sandalias, utensilios de cociña, etc. Úsase como desinfectante, e tamén para eliminar parasitos intestinais. Entre outras propiedades, dá vitalidade ao sangue, ten calidades antisépticas e úsase principalmente en escaldaduras e queimaduras.


Entradas