parallax background

ABETO VERMELLO

Picea abies

DESCRICIÓN

É unha árbore de folla perenne, de porte cónico que pode superar os 40 metros de talle e con numerosas ramas que nacen aparentemente verticiladas.

Está cuberto dunha cortiza marrón avermellada, que se desprende en delgadas escamas e que nas árbores máis vellas é máis escura e se fragmenta en placas. As follas son acículas, de cor verde viva e nacen de unha en unha.

As súas flores son unisexuais e únense en grupos que se chaman conos floríferos; as masculinas son como estruturas ovoides de cor amarela, as femininas aseméllanse ás piñas pequenas. Os froitos son piñas de entre 10 a 18 cm, colgantes, de superficie lisa, e sitúanse no extremo das ramas.


Usos

A súa madeira pouco resinosa utilízase para a construción en terreos húmidos, debido a que é moi resistente á putrefacción. Tamén se usa en carpintería exterior e en certas pezas de instrumentos musicais como órganos, guitarras ou violíns. Coñécese como “madeira de resonancia”. Do seu tronco extráese a trementina, e é moi usado como árbore de Nadal. Utilizábase antigamente en caso de escorbuto e tuberculose, por vía oral ecomo esencia ou aceite de baño, en caso de enfermidades nerviosas e tamén para aplicacións cosméticas. O uso do aceite das súas follas aumenta a circulación sanguínea e a secreción bronquial.

Distribución

Crece en Europa central e setentrional, desde os Alpes ata o oeste de Rusia. Tamén se plantou en parcelas forestais no norte de España, a partir das cales se asilvestra ocasionalmente. O tipo de chan no que se asenta é indiferente, pero ha de ser profundo, rico en nutrientes, ben regado, pero permeable e que non chegue a encharcarse. Non crece sobre chans rochosos ou areosos.





Entradas