FIGUEIRA
Ficus carica
É unha árbore pequena ou arbusto caducifolio de ata 9 m co tronco e as ramas gris metálico e liso. As follas son grandes, profundamente lobuladas (de 3 a 5 lóbulos), ásperas pola face e pilosas polo envés.
As flores son masculinas e femininas, preséntanse en árbores diferentes e teñen a particularidade de que se forman no interior dun receptáculo carnoso que se converte en froito (figo).
Algúns froitos desenvólvense sen previa polinización, uns aparecen no outono nas ramas espidas e maduran ao ano seguinte, adquirindo cor violeta, verde ou negra e son os figos máis apreciados; outros fórmanse na primavera e maduran no mesmo outono.
Habitat e Distribución
Vive na contorna da rexión mediterránea en zonas tépedas do continente asiático, pero foi tan amplamente cultivada desde antigo e asilvéstrase con tanta facilidade que é case imposible determinar cal foi a súa rexión de orixe. Na península, está presente en todas as provincias españolas e portuguesas, así como nas Baleares. É indiferente a calquera tipo de chan. Pode habitar mesmo nas gretas dos rochedos e entre as pedras dos muros. Require achega de auga, polo que é común tamén en soutos de ríos.
Usos e Costumes
No sur de Europa cultívase a miúdo para sombra e protección xunto a muros e pozos. O froito seco é no inverno un produto alimenticio común nalgunhas rexións mediterráneas. Os figos empréganse en forma de emplasto contra sabañóns e feridas externas, e tamén internamente como laxante. O leite fresco das follas de usa para combater as verrugas.