parallax background

MAMÍFEROS

CEBRA COMÚN

Equus quagga burchellii

Cando os portugueses comezaron a explorar a costa africana e chegaron ao cabo de Boa Esperanza, a finais do século XV, atopáronse uns equinos raiados que lles resultaron notablemente parecidos pola forma e o tamaño ás femias dos cebros (especie de cabalo salvaxe que habitaba a Península Ibérica ata a súa extinción no século XV) e por iso lles deron o nome de cebras.

Como os cabalos, as cebras poden andar, trotar, medio galopar e galopar. Ao galope, poden alcanzar unha velocidade máxima de 55 km/h. Adoitan ser máis lentas que os cabalos, pero a súa gran resistencia axúdaas a escapulirse dos predadores.

Numerosos estudos indican que as cebras son animais negros con raias brancas, ás cales se lles atribúen numerosas funcións: desde a termorregulación ata a identificación intraespecífica.


Descrición

Son especialmente famosas polas súas características raias negras e brancas, que non só varían entre especies, senón tamén dun individuo ao outro, e polo súa crina erecta. Comunícanse entre elas con ladridos e xemidos agudos. As cebras teñen un excelente sentido da vista. Crese que poden ver en cor. Como moitos ungulados, as cebras teñen os ollos aos lados da cabeza, o que lles dá un amplo ángulo visual. Tamén teñen visión nocturna, a pesar de que non é tan avanzada como a da maioría dos seus predadores, pero compénsano co seu bo oído.

¡Descobre máis especies!
Alimentación

Son animais herbívoros que comen sobre todo pola mañá e pola tarde herba basta, follas, brotes, cortiza e poliñas. Poden moverse un 20 km ao día en busca de alimento, pero ao final do día adoitan volver ao seu punto de orixe. O seu aparello dixestivo ben adaptado permítelles subsistir cunha dieta de calidade nutritiva máis baixa que a que necesitan outros herbívoros. Aínda así, as mandas fan unha importante migración anual que coincide coa estación seca, ao igual que outros moitos mamíferos africanos, o que implica un movemento de miles de animais á vez.

Habitat

Orixinalmente, as cebras estendíanse por calquera parte de África, pero na actualidade viven unicamente na metade sur do continente africano. A cebra coa difusión máis ampla é a cebra de Burchell. Ocupan desde as zonas de transición entre a sabana e o deserto do sur de Sudán e de Etiopía, pasando pola sabana de África oriental, ata o sur e o suroeste do continente. Aínda que as rexións de dúas especies diferentes (Grevy e Bruchelli) poden solaparse, non se cruzan debido ao diferente número de cromosomas: 46 e 32 respectivamente.

Status

As armas e as técnicas de caza primitivas tradicionais usadas en África non eran o bastante eficientes como para afectar de maneira significativa ás poboacións de cebras de Burchell. Os nativos cazábanas pola súa pel e pola súa carne. A situación cambiou coa chegada dos colonizadores europeos, coas súas armas de fogo, que provocou a extinción ou o perigo de extinción doutras especies de cebras. Ao non haber datos suficientes, a IUCN considéraa unha especie cuxo estado de conservación non é preocupante, a pesar de que existe caza ilegal.


Entradas