XINKGO

Ginkgo biloba

É unha árbore caducifolia, de ata 30 m de alto, coa copa cónica ou alongada e a cortiza moi rugosa. As ramas nacen agrupadas nun anel ao redor do tronco, todas á mesma altura (verticilo), e cada ano necen un ou excepcionalmente dous.
As follas son de cor verde, planas e en forma de abanico, con 2 lóbulos (de aí o nome biloba). As flores masculinas e femininas danse en distintas árbores, as primeiras en acios colgantes (amentos), moi numerosos e de cor amarela; as segundas de 2 en 2 nunha especie de froito carnoso cun óso no seu interior (drupa), de cor marrón.
O xinkgo está considerada a especie vexetal máis antiga da terra. É moi lonxeva, existen exemplares con máis de 2500 anos e dise que esta lonxevidade e resistencia se transmite tamén ás persoas que o proban. Crese que foi a única especie de árbore que sobreviviu á bomba atómica sobre Hiroshima. Para calcular a idade do xinkgo cóntanse os seus verticilos e engádense 3 anos (tempo que tarda en nacer o primeiro verticilo).

Habitat e Distribución

Orixinario de China e Xapón, foi introducido en Europa polos holandeses no s. XVIII. Admite variedade de climas e chans ben drenados e frescos, pero non aguanta ben a seca.

Usos e Costumes

Desde hai séculos utilizouse polas súas accións terapéuticas, sobre todo na medicina tradicional chinesa. As follas utilízanse na herboristería moderna, principalmente para mellorar a circulación sanguínea e a memoria.


Entradas