SANGUIÑO

Frangula alnus

É un arbusto caducifolio, de ata 3m. de altura, de tronco ergueito, cortiza parda agrisada e con ramas desde a base. As follas son de cor verde brillante; son simples, alternas, duras e de forma ovalada.
As flores son hermafroditas, pouco numerosas, aparecen na unión da folla coa rama (axila) e son de cor branca-verdosa. Florecen de abril a setembro.
Os froitos son carnosos con óso no seu interior (drupa), de cor vermella que se volven negros ou azulados ao madurar en agosto. Son tóxicos para o ser humano e a súa inxesta mesmo pode provocar convulsións.

Habitat e Distribución

Está presente en case toda Europa, oeste de Asia e norte de África en zonas de clima húmido. Sitúase en bosques húmidos, ribeiras fluviais, bordos de camiños, arroios, e ríos de chans profundos e algo húmidos

Usos e Costumes

Da súa madeira, de cor amarela, obtense carbón, de boa calidade para fabricar pólvora, tamén se usa en tornería. Da cortiza adulta, extráese unha substancia de propiedades laxantes. Dos seus froitos obtense unha tinguidura vermella que se emprega para cubrir o coiro.


Entradas