CERDEIRA SILVESTRE

Prunus avium

A cerdeira é unha árbore de folla caduca non espiñenta que pode alcanzar ata 25 metros de altura, de tronco groso, coa cortiza gris que se vai tornando negriza co tempo. As follas teñen a marxe serrada, o ápice moi puntiagudo e pelo no envés.
As flores aparecen desde mediados de primavera a principios de verán, agrupadas de 2 en 2, son de cor branca, olorosas e aparecen á vez que as follas.
Tras a fecundación fórmanse as características cereixas que maduran no verán e son de cor vermella brillante, en ocasións con manchas amareladas ou alaranxadas. As cereixas silvestres mostran un sabor entre ácido e amargo.

Habitat e Distribución

Habitualmente aparece de forma esporádica en bosques caducifolios de carballos, faias ou mixtos, en toda a metade setentrional e moi raramente cara ao sur. Prefire os lugares frescos e sombríos en zonas de montaña. Non ten preferencias por ningún tipo de substrato, aínda que require chans profundos para o seu mellor desenvolvemento. É unha especie amplamente cultivada para a obtención dos seus froitos, que constitúen ademais unha boa base alimenticia para numerosas aves, as cales contribúen enormemente á diseminación.

Usos e Costumes

A madeira é unha das máis vistosas, duras e recoñecidas na actualidade. A Comunidade Europea subvenciona o cultivo desta especie polos seus fins madeireiros e ecolóxicos, aínda que, o crecemento dos exemplares é lento. A madeira é moi apreciada para ebanistería. Tamén empregada en tornería, para obxectos que deben ser perforados, como pipas ou instrumentos musicais. A cortiza dá unha tinguidura de cor amarela. Os rabos da cereixa empréganse para facer un tónico diurético. O xarope de guinda é usado para a tose. Ten propiedades depurativas, antianémicas, analxésicas, etc.


Entradas