CASTIÑEIRO

Catanea sativa

É unha árbore caducifolia, de porte aberto que pode alcanzar os 35 metros de altura. O tronco é dereito e groso, de cortiza lisa, gris ou parda nos exemplares máis novos, e máis escura e gretada nos máis vellos.
A folla é grande de ata 25 cm, con bordo dentado. Cando é novo é algo peloso pero perde o pelo ao desenvolverse por completo. Florece en maio-xuño. As flores agrúpanse nunha especie de acios colgantes (amentos) e son de cor amarela-crema. Os froitos (castañas) recubertos por unha envoltura espiñenta (ourizo) maduran no outono, desde setembro a novembro. A polinización realízaa o vento en colaboración cos insectos.
A castaña foi, na antigüidade, a fonte máis importante de hidratos de carbono para os galegos, ata que no século XVII chegou a pataca de América. Nalgunhas comarcas chamaron ás patacas “castañolas” ou “castañas da terra”. Hoxe en día aínda se seguen consumindo e forma unha parte importante da economía de diversas comunidades rurais.

Habitat e Distribución

É orixinario do sur de Europa, oeste de Asia e norte de África, e atópase en toda Europa, excepto na parte máis setentrional. A súa presenza na Península Ibérica débese sempre á intervención humana, e crese que foi introducido polos romanos hai 2 000 anos. Os nosos mellores castiñeiros son quizais os de León, Zamora e Galicia. Vive en chans frescos, lixeiros e húmidos de natureza neutra (silícea), xa que non tolera ben os chans calcários (básicos). É resistente ao frío invernal, aínda que poden danalo as xeadas tardías.

Usos e Costumes

O castiñeiro está a verse seriamente ameazado pola “enfermidade da tinta” causada por un fungo, que lle dá unha cor negra baixa a cortiza, de aí o nome da enfermidade. A súa madeira, aínda que duradeira e forte, é de pouco valor porque se acha. Utilízase para barrís de viño, mobles baratos, cadaleitos, cestería, etc. Por outra banda, é inadecuado para o seu uso como leña porque é pouco calorífica e non arde ben. A cortiza empregouse para dar tinguidura aos zapatos. As follas, a cortiza e a madeira son ricas en taninos que poden provocar irritacións nas mucosas gástricas. As súas follas en infusión son astrinxentes, antidiarreicas, antiinflamatorias, antirreumáticas, expectorantes e baixan a febre. En forma de gargarismo, úsase para mitigar a dor de moas e a irritación de garganta.


Entradas