parallax background

PEIXES

CABALIÑO DE FOCIÑO LONGO

Hippocampus guttulatus

Os cabaliños de mar son curiosos peixes de corpo comprimido lateralmente, que non posúen espiñas, senón aneis óseos que forman unha especie de armadura que lle dá rixidez ao corpo. Non posúen aleta caudal nin ventral, pero si unha cola prénsil que se pode enrolar nos talos mariños. Talvez a característica máis destacable da bioloxía dos cabaliños de mar, é que son os machos, e non as femias, os que quedan preñados. Cando maduran, os machos desenvolven unha bolsa no ventre coñecida como “bolsa de cría”, na que a femia introduce os ovos no momento da reprodución.
Nesta especie o macho pode levar os ovos dunha ou varias femias. A incubación dura entre 3 e 5 semanas. Durante o parto o macho aférrase pola cola a unha rama e mediante numerosas contraccións expulsa as pequenas crías, que teñen unha forma similar aos adultos. É un proceso moi doloroso, tras o cal o macho queda exhausto. As crías durante os primeiros días poden entrar de novo na bolsa cando hai perigo.

Descrición

Este cabaliño de mar pode alcanzar os 15 ou 20 cm de lonxitude. A característica que lle dá o nome é un fociño longo e tubular, de maior tamaño que o doutras especies. Outra característica que o diferencia é a presenza de filamentos alongados na cabeza, chamados “cirros”, moi característicos. Estes filamentos axúdano a mimetizarse coas algas ou plantas entre as que vive. A súa coloración é entre marrón e negra, algo verdosa, avermellada ou amarelada en ocasións, e presentan frecuentemente pintasbrancas ou azuladas.

¡Descobre máis especies!
Alimentación

Aliméntase de pequenos invertebrados mariños, como anfípodos, decápodos e mixidiáceos. Tamén é un gran comedor de larvas planctónicas de peixes e crustáceos, que absorbe co seu longo fociño en forma de pipepa.

Habitat

Atópase principalmente en augas someras próximas á costa, en sistemas lagunares e estuarios. Moi común en praderías de fanerógamas mariñas (Cymodocea nodosa, Zostera nolti e Posidonia oceanica) e zonas con algas, ás que se agarra coa súa cola prénsil. Podémolo atopar no Atlántico, desde as illas británicas ata Marrocos, nas Illas Azores e Madeira. Tamén está presente no Mediterráneo e no Mar Negro.

Status

Está incluído no anexo II (especies ameazadas) do Protocolo sobre as Zonas Especialmente Protexidas e a Diversidade Biolóxica no Mediterráneo. Especie incluída no Convenio de Berna, do 19 de setembro, relativo á conservación da vida silvestre e do medio natural de Europa, anexo II: Especies de fauna estritamente protexidas. A Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas (CITES, nas súas siglas en inglés) sitúa a todas as especies de cabaliños de mar no seu apéndice II, e recoñece que están ao bordo da extinción, a non ser que se controle o seu comercio. Talvez a súa maior ameaza é a destrución do seu hábitat, ao vivir en zonas delicadas, moi próximas á costa, moi vulnerables á acción humana. Doutra banda, os cabaliños son especialmente vulnerables ao ser moi lentos nadadores, polo que soportan con dificultade as fortes correntes. Ademais, ao ser monógamos, cando un dos membros da parella morre, o outro ten moita dificultade para emparellarse de novo.


Entradas