parallax background

PEIXES

CABALIÑO BARRIGUDO

Hippocampus abdominalis

O cabaliño de mar barrigudo, é un peixe de abdome prominente, como o seu nome indica.

Os cabaliños de mar son curiosos peixes de corpo comprimido lateralmente, que non posúen espiñas, senón aneis óseos que forman unha especie de armadura que lle dá rixidez ao corpo. Non posúen aleta caudal nin ventral, pero si unha cola prénsil que se pode enrolar nos talos mariños. Talvez a característica máis destacable da súa bioloxía é que son os machos, e non as femias, os que quedan preñados. Cando maduran, os machos desenvolven unha bolsa no ventre coñecida como “bolsa de cría”.

Nesta especie a bolsa fórmase aos seis meses de vida, pero os machos non se reproducen ata que teñen un ano de idade. Cando o cabaliño de mar está listo para a reprodución, ten lugar o ritual de apareamento, que consiste nun baile onde a parella se move imitando os movementos do outro, coma se estivesen diante dun espello. Chegado o momento, a femia depositará os ovos na bolsa do macho, que poden ser ata 700.


Descrición

É unha das especies de cabaliños máis grandes, que pode chegar a medir 35 cm de lonxitude. A súa cor varía en función do lugar onde habitan, e pode ser gris, amarelo, laranxa ou branco. O corpo e a cola son aplanados, con franxas escuras e numerosas manchas na aleta dorsal. Os machos presentan ademais unha franxa vertical amarela preto da tapa da bolsa de cría. Teñen un morro longo, en forma de trompeta, que lles serve para absorber o alimento. Nos machos o morro é máis curto e ancho, e a cola máis longa. Os seus ollos son grandes e poden moverse independentemente un do outro, para aumentar o campo de visión e coidarse dos depredadores.

¡Descobre máis especies!
Alimentación

Aliméntanse principalmente de crustáceos que viven entre as algas. Tamén de copépodos, isópodos, poliquetos e outras pequenas presas que absorben coa súa trompa alongada.

Habitat

Esta especie, que só habita en Australia e Nova Zelandia, vive ao redor de baías de algas, arrecifes rochosos, estuarios e mesmo fondos de barro, polo que é unha das especies de cabaliños de mar que pode vivir a máis profundidade.

Status

É unha especie vulnerable, segundo a lista vermella de especies ameazadas. A Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas (CITES, nas súas siglas en inglés) sitúa a todas as especies de cabaliños de mar no seu apéndice II, que recoñece que estas están ao bordo da extinción, a non ser que se controle o seu comercio. Unha das súas maiores ameazas atópase na pesca por arrastreiros, que os captura moi frecuentemente por accidente. O comercio ilegal tamén supón un problema para a súa conservación, ao ser unha especie moi apreciada para os acuarios e como remedio médico, pois na medicina tradicional chinesa atribúenselle numerosas propiedades curativas. Pero talvez a súa maior ameaza é a destrución do seu hábitat, ao vivir en zonas delicadas, moi próximas á costa, moi vulnerables á acción humana. Doutra banda, os cabaliños son especialmente vulnerables ao ser moi lentos nadadores, polo que soportan con dificultade as fortes correntes. Ademais, ao ser monógamos, cando un dos membros da parella morre, o outro ten moita dificultade para emparellarse de novo.


Entradas