parallax background

MAMÍFEROS

LINCE VERMELLO

Lynx rufus

É o dobre de grande que un gato doméstico. É moi parecido ao resto de linces pero este ten as patas máis curtas e as gadoupas retráctiles máis pequenas.

É nocturno e solitario, bo escalador e nadador e máis activo á noitiña e durante a noite. Posúe unha vista excelente, un oído fenomenal e un olfacto incomparable que o converten nun depredador moi efectivo.

Ao nacer os linces vermellos están cegos e indefensos, e crecen rapidamente. Aos 9 meses independízanse da nai e son capaces de capturar pequenas presas.


Descrición

Felino de 95 cm de lonxitude do corpo e unha altura en posición cuadrúpede de ata 50 cm. Os machos son máis grandes que as femias. O pelo é curto, suave e denso de cor moi variable. O fondo do seu pelame adoita oscilar do gris claro ao marrón avermellado. A parte central da rexión do lombo adoita ser máis escura, mentres que as partes inferiores son máis claras. A pel pode levar manchas e liñas negras ou marróns. A parte posterior das orellas é negra cunha identificable mancha branca. Os seus pinceis que sobresaen das orellas son curtos, do mesmo xeito que os guechos da cara. E a cola é curta, branca na súa parte inferior, cunha banda negra no extremo superior e varias bandas escuras menos diferenciadas.

¡Descobre máis especies!
Alimentación

É un carnívoro sixiloso, capaz de dar un salto de ata 3 m. sobre a súa presa, as máis frecuentes son coellos e lebres. Pero na súa dieta hai desde roedores, sarigués, aves e serpes ata animais de maior tamaño como cervos.

Habitat

Adáptase moi ben a diferentes tipos de hábitats e podémolos atopar en bosques de coníferas e caducifolios, monte baixo e desertos ou mesmo na periferia dalgunhas cidades. A súa área de distribución céntrase en América do Norte, desde o sur de Canadá ata o centro de México.

Status

UICN: mínima preocupación (LC). A especie non require de medidas de protección especial, nin se aproxima a ningún dos parámetros para ser incluída nunha categoría de maior risco. CITES: apéndice II. Especie que non está ameazada de extinción pero que podería chegar a estalo a menos que se controle estritamente o seu comercio. Non é unha especie ameazada, non obstante a fragmentación do seu hábitat e a persecución humana levaron á redución dalgunhas das súas poboacións. Durante os últimos vinte anos, o comercio coa súa pel fixo desta especie o felino máis intensamente cazado. En América e Canadá a súa caza esta sendo controlada, manténdose unha poboación estable.


Entradas