parallax background

CONTORNA


Contorna Natural


A madroa

O seu principal interese radica nas magníficas e inigualables panorámicas que se divisan sobre a totalidade da ría de Vigo. Cuns 250 metros de altitude, desde este lugar pódese observar unha impresionante vista das dúas beiras da ría, da ponte de Rande, do centro urbano e das Illas Cíes, integrantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas, o único parque nacional da nosa comunidade.

A área forestal adxacente ao miradoiro está acondicionada como merendeiro e conta cun quiosco e zonas para facer lume. A vexetación do contorno do parque, está constituída principalmente por piñeiro marítimo e acacia negra, aínda que actualmente está a ser acondicionada e repoboada por especies de frondosas autóctonas (carballos, salgueiros, bidueiros, castiñeiros, etc.).


O parque forestal monte O Vixiador

Dependente do Concello de Vigo, conta cunha extensión de máis de 15 hectáreas polas que se reparten unha gran variedade de especies de flora e fauna, polo que ofrecen ao visitante un espazo adecuado para os seus momentos de lecer e tempo libre. Desde o zoo, o carreiro GR-53 condúcenos ao parque..


Patrimonio histórico arqueolóxico

Preto da contorna do parque zoolóxico existe un interesante campo megalítico cun gran número de túmulos. O meirande alcanza un diámetro de vinte metros e unha altura de 3,50 metros. Estas mámoas están constituídas por un túmulo de terra que cobre unha cámara funeraria formada por laxas de pedra. Normalmente, aparecen agrupadas formando un conxunto de varias unidades, e é posible que formen parte dunha gran necrópole situada nas proximidades de Redondela.

Instalacións


Instalacións deportivas do Real Club Celta de Vigo

Nas proximidades do parque zoolóxico atópanse as instalacións deportivas do RC Celta de Vigo, onde realiza partidos de adestramento, cursos e demais eventos. O primeiro equipo adestra a partir das 10 h, principalmente os luns, mércores, xoves e sábados.


Sociedade protectora de animais

Asociación fundada en 1953 para atender, coidar e defender os animais abandonados. Recupéranse animais enfermos, manténdoos dignamente e procurando que sexan felices. Buscan novos donos responsables. Contan cuns 1 200 socios e dez membros na xunta directiva.

Contacto: 986 452 265 / 608 986 198


Protectora

Rutas de sendeirismo


Do parque zoolóxico parte o tramo III do Carreiro Panorámico de Vigo GR-53 (A Madroa-Puxeiros), que vai en dirección ao Parque Forestal do monte Vixiador. Ademais de aquí parte outro carreiro de longo percorrido, o Carreiro Rural de Galicia GR-94 (Vixiador-Redondela).


GR-94: Carreiro Rural de Galicia

Percorrido por terreo accidentado, de dificultade alta. Na etapa inicial, a ruta achégase aos dous miradoiros: A Madroa e Castro de Negros. Seguindo a ruta, atópase o castelo de Soutomaior, a igrexa de Rial e a ponte de Camboa. Tras cruzar o río Verdugo, cóllese un desvío que conduce á ponte de Almofrei. Pasando a antiga feira de Cuspedriños e os hórreos de Rascaderia, a igrexa de Cequeril e a Carballeira de San Xusto, chégase a Paredes, onde a ruta se interna xa en terras coruñesas.

Itinerario: Vigo, Soutomaior, Campo Lameiro, Cequeril, Luou, Santiago

Conexións: GR 53, 58; PRG 20, 29

GR - 53: Carreiro Panorámico de Vigo

Trátase dun carreiro periurbano que transcorre polos montes que rodean o val de Fragoso, cunha altitude media de 400 metros, percorrendo de leste a oeste a marxe esquerda da ría de Vigo. Discorre por unha liña comprendida entre os distintos montes e vales do concello vigués e forma parte da cadea de suaves montañas delimitadas ao sur polos concellos de Nigrán e Gondomar, ao leste Mos e O Porriño e finalmente, ao norte de Redondela.

Itinerario: Saians - Outeiros (enlaces PR-G 9 e PR-G 60) - Chandebrito (ligazóns GR 58 e PR-G 61) A Garrida - Zamáns (Encoro) - Galiñeiro (ligazóns PR-G 1 e PR-G 2) - Puxeiros - A Madroa (ligazón GR 94).

Política Ambiental


En VigoZoo somos conscientes da importancia de respectar e preservar o medio ambiente e por iso, comprometémonos a cumprir os seguintes principios que constitúen a base da nosa política ambiental:

1. Cumprir coa lexislación ambiental que sexa de aplicación, así como outros requisitos de carácter ambiental que poderamos asumir de forma voluntaria.

2. Previr a contaminación implantando as medidas necesarias para reducir, evitar e controlar os impactos ambientais das nosas actividades co fin de asegurar a protección e conservación da contorna.

3. Difundir e poñer a disposición do público, de todo o persoal e das partes interesadas os principios xerais da xestión ambiental.

4. Promover a mellora continua do noso comportamento ambiental mediante a revisión periódica do sistema de xestión ambiental e os obxectivos e metas ambientais no establecidos.

Descarga PDF
Entradas