parallax background

AVES

AVESTRUZ

Struthio camelus

É a máis grande e a máis forte de todas as aves que existen. Non é certa a lenda de que esconden a cabeza debaixo da terra cando teñen medo. Cando se senten ameazadas foxen correndo ou se enfrontan ao inimigo utilizando as súas poderosas pernas para defenderse.

Poden alcanzar unha velocidade de aproximadamente 65 km/h e mantela durante 30 minutos seguidos.

Machos e femias incuban os ovos e participan da crianza dos seus pequenos.


Descrición

É unha ave de gran corpulencia. De cabeza pequena, pescozo e extremidades longas e musculosas pero sen plumas. E con dous grandes dedos en cada pata con poderosas garras. O macho ten o corpo cuberto de plumas negras que son brancas e sedosas nas ás e a cola, mentres que a femia presenta unha plumaxe de cor marrón clara ou agrisada con menos ou ningunha pluma branca. As súas ás con plumas soltas e caídas non lle permiten voar, pero sérvelles para equilibrar a carreira ou os movementos que realice. Na cabeza atopámonos dous grandes ollos de 5 cm de diámetro, protexidos por pestanas grosas, que lle proporcionan unha vista excelente e o pico que é curto, plano e romo vermello-alaranxado, que intensifica a súa cor en época reprodutiva. A femia adoita ser de menor tamaño que o macho, que pode chegar a medir ao redor de 2´5 m e pesar 180-250 kg.

¡Descobre máis especies!
Alimentación

É omnívora, porque aínda que se alimentan fundamentalmente de follas, talos, flores e sementes de plantas, na súa dieta tamén entran algúns animais invertebrados e pequenos vertebrados ou restos de calaza abandonada por outros animais. Pode sobrevivir sen auga durante algún tempo, porque se non a atopa, a extrae do que come. Ademais inxiren pedras que lle axudan a facer a dixestión triturando os tecidos dalgúns alimentos, porque non mastigan.

Habitat

Prefiren climas cálidos e desérticos ou semidesérticos con abundante area. Frecuentan as sabanas, zonas de matogueiras, praderías, estepas e mesmo terreos montañosos. Distribúese por unha zona da xeografía africana que vai de Senegal a Etiopía e Somalia, polo sur ata Tanzania e cunha poboación illada en Sudáfrica.

Status

U.I.C.N: Baixo risco/mínima preocupación (LR/ LC). Non require de medidas de protección especial, nin se aproxima a ningún dos parámetros para ser incluída nunha categoría de maior risco. CITES: Está dentro do apéndice I, pero soamente as poboacións dalgunhas rexións de África.


Entradas